Portfolio

Algúns dos nosos traballos

Non hai mellor maneira de nos definir que ensinar algúns dos nosos traballos. Dos que podemos, claro. Hai moitos outros que nos gustaría compartir pero os dereitos e decisións dos nosos clientes son sagrados. Sempre.
Un campo de fútbol -aparentemente coma outro calquera- en plenos Cárpatos Occidentáis, no corazón de Eslovaquia. O que o fai único é que por unha das súas bandas pasa... un tren de vapor! Nós non chegamos en tren pero precisamos 6 avións, 700 kms de coche e só un día de gravación para unha das reportaxes máis curiosas que fixemos para El Día Después.
Nesta serie de coloquios interactivos sobre a UE o noso cliente quería obter un vídeo resumo dinámico e áxil, polo que decidimos gravalo combinando a Sony FS5 para as entrevistas  e a Sony A6400 para todos os recursos montada sobre o Zhiyun Crane M2 a fin de acadar movementos suaves e fluídos. A edición non é nosa senón un gran traballo da xente de BRT News.
O día que Andrés Iniesta xogou o seu derradeiro partido co FC Barcelona no Camp Nou tivemos un presentimento que nos fixo quedar sobre o céspede do estadio xa baleiro e a media luz. E entón pasou: o home que lle dera a España o seu primeiro Mundial saíu de novo para se despedir na soidade dese estadio para sempre. A fermosa voz de Vanessa Hernández fixo o resto.
A Basílica de Superga, na cidade italiana de Turín, quedará para sempre coma o lugar onde se estrelou o avión que traía de volta á casa o "Grande Torino", un equipo lendario campión de Italia 5 veces na década de 1940. Todos os 4 de Maio ás 17:03 milleiros de afeccionados do Torino acoden alí para homenaxear ós seus heroes. En maio de 2019 tivemos a sorte de poder vivilo en persoa e gravalo.
Os clásicos entre Real Madrid e F.C. Barcelona sempre deixan imaxes distintas pero este de marzo do 2019 foi probablemente un dos máis quentes, con multitude de leas que a nosa cámara inmortalizou deste xeito para El Día Después e ás que Chema Castillo lles puxo voz.
Cando 300Kilos nos encargou plasmar en video o Compostela Innovation Lab tivemos claro que requería imaxes frescas, áxiles e que transmitiran o espírito do evento, así que botamos man dun DJI Osmo Pocket para eses planos estabilizados cenitais e con movementos verticais tipo grúa que aportan un estilo moderno e alegre conforme ós conceptos do evento.
Esta reportaxe sobre a liga máis pequena do mundo obrigounos a viaxar tamén co equipo máis pequeno do mundo porque ás Illas Scilly, en Inglaterra, chégase dende Land's End (Corwall) nunha avioneta de 8 prazas sen espazo para grandes equipaxes. Así que tivemos que nos apañar coa Sony FS5, un monopé e o DJI Osmo Pocket. Mesmo hai un plano gravado cun smartphone...
Na nosa serie de videos sobre "Os Bolechas", unhas personaxes infantís de grande éxito en Galicia, esta viaxe ás Illas Cíes supuxo outro desafío xa que a viaxe en barco e as actividades no arquipélago condicionaron moito a cantidad de material que podiamos levar para acadar este resultado.
Non compartimos este video pola súa execución técnica senón como mostra da importancia de estar sempre alerta. Esta historia obtivémola porque unha vez rematado o partido decatámonos de que varias persoas parecían buscar algo sobre o céspede do Benito Villamarín. Quedamos alí e saíu unha das historias máis curiosas do programa. Porque cando o árbitro pita o final seguen a pasar cosas...
Outras veces o desafío atopámolo na estraña combinación de materiais á que as circunstancias obrigan. Para este video tivemos que mesturar a Sony A6400 coa Panasonic HPX500 e distintos micros en varios momentos. Con tanto cambio de ópticas, micros, etc a inestimable axuda de Victor Gil foi fundamental. Ademáis de darlle forma ó video e poñerlle voz, claro.
Share by: